segunda-feira, 16 de abril de 2012

Atenas, centro comercial


Da importancia de Atenas como centro comercial do mundo mediterráneo, un fragmento do cómico Hermipo (séc. V a.C.):

Contádeme agora, Musas que habitades Olímpicas moradas,
desde que navega como comerciante Dioniso sobre o mar cor de viño,
cantos bens para os homes aquí trouxo coa súa nave negra.
De Cirene silphium[1] e coiros, peixe salgado do Helesponto,
de Tesalia cereais e costeletas,
de onda Sitalces[2] sarna para os lacedemonios
e de onda Pérdicas[3] mentiras para moitísimas naves.
Siracusa procura carne de porco e queixo.
Aos de Corcira, oxalá Poseidón os aniquile
sobre as súas cóncavas naves[4], porque vacilan entre dúas opinións.
Iso desas partes. De Exipto veas para os navíos e papiro,
de Siria incenso[5]. A fermosa Creta procura madeira de cipreste para os deuses[6], Libia procura abundante marfil para a súa venda, Rodas uvas pasas e figos secos que provocan doces soños.
De Eubea chegan peras e lustrosas mazás,
escravos chegan de Frixia, e de Arcadia mercenarios.
Pagasas procura escravos normais e escravos marcados[7].
Castañas e améndoas silenciosas, complemento do xantar,
procuran os paflagones. Fenicia dátiles e fariña triga.
Alfombras chegan de Cartago e almofadas de cores.



[1] Sazonador, perfume e medicina para a tos e a febre, era un pouco a aspirina do mundo clásico.
[2] Rei dos Odrisios, tribu tracia, (440-424). O seu reino coincidía aproximadamente coa actual Bulgaria. No 431 firmou unha alianza cos atenienses contra o rei de Macedonia Pérdicas II. Os espartanos, nos anos seguintes, intentaron sen éxito que rompese a alianza con Atenas.
[3] O rei Pérdicas (450-414) combatiu durante a Guerra do Peloponeso, unhas veces cos atenienses, e outras cos espartanos. Todos o vían como un aliado infiel e mentiroso. Parece ademáis que prometera a Atenas madeira para a construcción de barcos, cousa que nunca lle deu.
[4] Atenas, Corinto e a súa colonia Corcira (Corfú) eran as tres grandes potencias marítimas da época.
[5] O incenso procedía en realidade de Arabia. Fenicios que vivían en Siria comerciaban con el.
[6] De madeira de cipreste fabricábanse estatuas de deuses (ξονα) e portas para os templos.
[7] Os escravos fuxitivos eran marcados a ferro candente na fronte (στγμα).

Sem comentários:

Enviar um comentário