segunda-feira, 21 de maio de 2012

Ciencias vs. Letras

Acostuma o persoal a crer -e asi están deseñados os plans de estudo- que o saber debe dividirse en Ciencias e Letras. Por cima diso paira a idea de que os alumnos de Ciencias son sempre mellores que os de Letras, que escollen esta opción por ser “de estudar”,  máis fácil e para cerebros menos dotados. A sociedade tamén outorga ao estudo das Ciencias a calidade excepcional de útil, e estou seguro que no insconsciente colectivo subxacen tamén os adxectivos moderno e práctico. Ben, pois todo isto é falso, polo menos se falamos do Bacharelato.
As materias de estudo no instituto, sexan estas que que foren, son propedéuticas, ou sexa, preparan o cerebro para estudos superiores, e non hai materias máis úteis, modernas ou prácticas que outras: a Física ou a Matemática son materias antiquísimas, desenvolvidas por señores como Tales ou Pitágora que falaban, como non, grego.
O instituto ten como vantaxe sobre a educación primaria e a obrigatoria o estudo serio de materias intemporais e eternas, ao fin e ao cabo todos puxemos na escola primaria unha lentella ou un garavanzo para velos medrar e vós  superastes a ESO (eu, grazas á miña idade non fun vítima d’ESO) estudando pouco ou nada. Agora é momento de poñer a madurar esas cabeciñas.
Moitos de vós vai seguir agora estudos de bacharelato e de novo seredes vítimas do pensamento colectivo de que as Ciencias teñen máis saída. Pode ser, iso tamén se dicía no meu tempo. Eu escollín a opción de letras, fixen a carreira que me gustaba e teño o privilexio de traballar no que me gusta. Isto non pode dicilo todo o mundo.
É evidente que tal como é o noso sistema educativo non se permite, por exemplo, acceder a Medicina coa opción de Letras. Non sei, pola contra, se se permite cursar Filoloxía tendo sido alumno de Ciencias. En todo caso iso non me importa nada, e bo lle sería aos médicos saber que dismenorrea son tres palabras gregas que significan “mal funcionamento do ciclo menstrual” ou aos biólogos que estafilococo son unha bacterias con forma de “racimo de uvas”.
Hoxe unha alumna, vítima da ESO, díxome que, claro, estudar Latín aínda menos mal, porque é a base da nosa lingua, pero estudar Grego... E eu contesteille, se o Latín é a base, o Grego é a masa da que todo o saber está feito. E tamén e verdade que en dous anos de bacharelato só é posíbel vislumbrar parte de tan magnífico mundo. Non sei se a convencín, tampouco creo que escolla Grego no bacharelato.
Isto non é un ataque contra as Ciencias, é unha defensa das Letras, que mellor lle iría ao mundo se o persoal tivese maior formación en Música, Ética, Filosofía, Historia, Arte, Grego, Latín e Literatura, ou sexa, esas materias fáciles  e de chapar. Curiosamente son os saberes que falan do ser humano, por iso se chaman Humanidades, e nós, que eu saiba, somos seres humanos. Claro que se tivésemos rodas ao mellor eramos autocarros.

Sem comentários:

Enviar um comentário