domingo, 27 de maio de 2012

O Paladio

Casandra agarrada ao Paladio, dentro do camarín da deusa.
Conta Apolodoro no Epítome (V, 22) que “Ajax da Lócrida, vendo a Casandra agarrada á imaxe de madeira de Atenea, violouna, por iso din algúns que a imaxe olla para o ceo”. Plantéxasenos logo un problema: polo que sabemos as estatuas dos deuses eran de bronce e de pedra, e mesmo de ouro e marfil no caso da Atenea Partenos e do Zeus de Olimpia, obras de Fidias. Que é isto dunha imaxe de madeira –en grego ξόανον- á que a sacerdotisa troiana se agarra para que a protexa ante o inevitábel?
As estatuas máis antigas e máis veneradas eran imaxes portátiles de madeira, con adornos móbiles: vestido, manto, casco, coroa, armas, etc. Posibelmente moitas fosen pedazos de madeira troncocónicos con cabeza e mans talladas, sobre os que se colocaban os paramentos. A madeira coa que estaban feitas tiña moitas veces unha orixe divina. En Samos, por exemplo, dicíase que o ξόανον de Hera estaba feito cunha táboa caída do ceo.
Detalle dos paramentos da imaxe: peplo e armas.
Estas eran as imaxes que se sacaban nas procesións e as que os beatos dirixían as súas oracións. En Atenas, o ξόανον de Palas Atenea, non se custodiaba no Partenón, senón no Erecteion, lugar dos cultos máis primitivos da cidade: Atenea, Poseidón e Erecteo, mítico rei de Atenas. Alén diso tamén había alí un pozo de agua salgada, unha oliveira, froitos da disputa de Atenea e Poseidón pola Ática, e unha serpe sagrada.

Nesta pintura romana a imaxe parece unha simple talla de madeira.
O Paladio, ou sexa, o ξόανον de Palas Atenea, dicíase que fora consagrado por Cécrope, outro rei mítico, no Erecteion e que caíra alí mesmo do ceo. Na honra desta imaxe celebrábanse anualmente as Plinterias, de πλύνω “lavar”, na que a estatua de madeira era desprovista dos seus enfeites: vestido e armas, e estes lavados. Hai que pensar que a masiva afluencia de público, o fumo do incenso, o pó e os insectos manchaban as vestiduras e ornamentos. Durante o tempo que a estatua estaba “espida” non era posíbel vela e o día era considerado nefasto. Cada catro anos éralle ofrecido un vestido -πέπλος- novo, tecido polas mozas atenienses.

Erecteion (Acrópole de Atenas)
Non conservamos nada do ξόανον de Palas Atenea do que estamos a falar, no entanto  si temos imaxes da pintura sobre vasos, pintura parietal romana e moedas que representan outro Paladio, se callar o máis famoso: a estatua de madeira de Atenea de Troia, levada despois da guerra a Roma por Eneas.
Eneas co seu pai nos ombros e co Paladio na dereita.

Sem comentários:

Enviar um comentário